domingo, 17 de febreiro de 2013

Serán dos Namorados - Toutón

Aquí un entrada feita por unha das rapazas da Asociación sobre Toutón a cal nos pareceu ben interesante para publicar.


“Aldeíña de Toutón-e/ de lonxe pareces vila…” Así comeza unha copla recollida nesta pequena aldea. O certo é que o lugar é pequeno, pero ó mesmo tempo pode chegar a ser moi grande. Toutón está situado ó norte de Mondariz e ten arredor de 400 veciños, e malia a súa proximidade a Mondariz, lugar con bastante turismo, é moi pouca a xente que se achega a este paraíso perdido no medio da natureza. Este si é un lugar no que de verdade podes desconectar da rutina diaria, pois aquí unicamente se escoita o falar das persoas e o piar dos paxaros que se complementa coa visión de magníficos campos verdes e casas típicas do noso rural. 




Sen dúbida, un lugar para visitar. Máis isto non é o único que nos pode ofrecer Toutón, xa que Toutón é quizais unha das aldeas que mellor garda a nosa tradición musical. Así, é raro o grupo de cantareir@s que non teña dentro do seu repertorio a coñecida Jota e Muiñeira de Toutón, a cal é fácil de escoitar no extraordinario serán que os veciños desta aldea organizan cada mes de febrero. Neste momento a aldea convértese na “capital” do folclore galego e o serán é o xa recoñecido como o máis grande do mundo, o serán dos namorados de Toutón. Si, si, o máis grande do mundo! Celébrase a fin de semana máis próxima ao día dos namorados, de aí o seu nome, e chéganse a xuntar centos e centos de persoas de distintas agrupacións folclóricas de toda Galiza. Nel é doado ver os “grandes” da nosa tradición, como Quique Peón, Xurxo Fernándes, Javier Feijoo (Chisco) ou Davide Salvado.


O serán non se desenvolve unicamente pola noite, como é habitual, senón que dá comezo xa ó mediodía cun xantar popular que virá seguido da tradicional “Corra do galo”. Consiste esta nunha procesión, bastante particular, que se fai por toda a aldea e na que, en vez de levar un santo, lévase un galo e unha parella de nenos que son o rei e a raíña da festa. A continuación, sóltase nun campo o galo e algunhas galiñas que os rapaces intentarán coller. Finalmente vóltase ó lugar da festa e alí realízase a lectura do testamento do galo, repártense as partes do galo (metaforicamente falando), e tamén se len versos dedicados aos solteiros do lugar e saen á luz os acontecementos sentimentais dos veciños no último ano.  Despois disto comezan os grupos a tocar, a xente bailar e a festa non remata ata altas horas da mañá. 





Como xa dixen antes, é das aldeas nas que o noso patrimonio segue aínda vivo, e isto pode verse nesta foliada, na que están presentes os  grandes mestres da nosa tradición, e non falo de xente xa nomeada antes como Quique Peón ou Chisco, senón da gran cantidade de xente maior (ata señoras con 86 anos) que seguen a gozar bailando como cando tiñan vinte anos.  

Este ano, celebrouse a 17ª edición na última fin de semana de febreiro e, como non podía ser doutro xeito, a festa foi inmensa e @s que gozamos desta tradición nosa marchamos de Toutón, pensando: Ata ó ano que vén! E é que  que para todo gaiteiro e bailador, Toutón é como o Santo Andrés de Teixido, que irás de morto se non foches de vivo.